FAITE AMIGO DA NOSA LIBRARÍA

FAITE "AMIGO" DE AIRA DAS LETRAS.

Vantaxes:

-5% de desconto en libros.
-10% de desconto en xoguetes e música. Se estás de aniversario (ou algún membro da túa familia) o desconto sube ata o 15% e ao 25% no Arume Xogal. Entendemos por familia pais, fillos e avós.
-Reserva de libros de texto (desconto do 5% e agasallo sorpresa).
-Descontos especiais, agasallos, sorteos.....

segunda-feira, junho 20, 2011

Presentación do Libro: A novísima dereita e nós. Xoves 30 ás 20:00 h. na Fundación Vicente Risco

A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa

«O 1-M foi derrotado o desexo de cambio político en Galicia. Unha nosa novísima dereita, liderada por Alberto Núñez Feijóo, ocupou a Xunta de Galicia. Novísima dereita que enfatiza o seu afastamento simbólico coa herdanza fraguista e que se sitúa na vangarda do conservadorismo tardoaznarista». A partir destas primeiras palabras esboza Barreiro o retrato da actual Galicia e dos seus gobernantes, ademais de explorar nas claves dos dous anos de mandato da dereita, desta actual e «novísima» dereita, e de como está a influír esta no devir da configuración social e política do país.
A retórica que usan os que están no poder, o populismo que empapa tantas das súas actuacións públicas, a pel esvaradía que adoptan cando toca falar de responsabilidades; pero tamén o sistema de poder-medios que leva anos poñendo e impoñendo criterios dun xeito silente ou a actitude non reivindicativa dos partidos chamados a facerlle fronte á dereita. De todo isto trata Barreiro cun estilo directo, propositivo e mordaz, nun ensaio tinguido dese «gris toupa» (tamén sinalado por Xosé Manuel Pereiro que caracteriza a andaina de Feijóo na Xunta de Galicia.
Un libro oportuno, na medida en que cumpridos xa dous anos de goberno de Núñez Feijóo, e 30 anos do noso Estatuto de Autonomía, empeza a ser necesaria unha análise cumprida e seria do panorama político galego actual, e do Goberno de Núñez Feijóo en particular.
Unha obra crítica sustentada no profundo coñecemento da realidade política galega do seu autor, Manuel M. Barreiro. Un ensaio non compracente e si rigoroso, que ampliará os matices, trazos e visións existentes sobre o rumbo do país nos últimos dous anos.

 

domingo, junho 05, 2011

Presentación da novela "Lume de cobiza" de Miguel Anxo Fernández

O venres 17 ás 21:00 presentaremos unha nova aventura do sabuxo Frank Soutelo


Miguel Anxo Fernández: ‘Queimar montes para especular vén de vello’
X. Enrique Acuña Vén de asomar nas librarías a cuarta entrega literaria do sabuxo Frank Soutelo, creado polo escritor e crítico cinematográfico, Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955). En Lume de cobiza (Galaxia) sácao da cidade norteamericana de Los Angeles, o seu medio natural, para traelo por primeira vez a Galicia, berce dos seus vellos (pai de Soutelo de Montes e nai de Muros) e sen deixar de lado a retranca e mesmo a cinefilia, o autor opta por un rexistro máis realista sempre en consonancia coas esencias da novela policial, un xénero que tenta reflectir tanto o pulso como as arestas da sociedade sen que o autor renuncie ao divertimento.
Que fai un sabuxo como Frank Soutelo por Galiza?
En principio, está de lecer na casa dos seus parentes muradáns e coincide coa vaga de lumes que arrasou o país en 2006. Nese contexto faise cargo de pescudar se a morte dun mozo foi por sobredose como lles fan saber, ou como sospeita a familia, foi doutra maneira. A coartada serviralle pera mergullarse nunha trama na que ladrillo, especulación urbanística e lume van da man. A partir diso o propio Soutelo descubrirá a súa alma agochada de ecoloxista, mesmo fincada nas súas raíces paternas soutelás.
Por esa razón doa un euro dos dereitos de autor da novela á Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas, de Ribadavia…
Na ficción, a experiencia Ridimoas vai endereitar o pesimismo ecolóxico que invade a Soutelo mirando como arde o país dun lado a outro. Amósase decepcionado ante a voracidade destrutora, pero admira que xente como Ridimoas, ou mesmo o grupo Outeiro do Carballiño, que tamén están na trama, estean no bando contrario dos prendelumes. Por esa razón, pareceume un xesto coherente que un euro dos dereitos de autor de cada exemplar vaia para que ese colectivo poida mercar máis terra e engadila ao seu proxecto recuperador do bosque autóctono.
Nesta novela, o personaxe é máis Soutelo ca Frank…
Xa non estamos nunha sociedade falseada polo glamour ni polas imposturas sobre as que asenta Hollywood; agora Soutelo móvese nunha sociedade máis asentada no real, na que convive cos seus parentes de Muros e departe coas súas amizades, algo que antes non ocorría e nas que era máis lobo solitario, un sabuxo individualista ao estilo dos clásicos de Dashell Hammett, Raymond Chandler ou as películas da Warner. Un mundo edificado sobre soños, case sempre tramposos ou escachados en mil anacos… Agora é Galiza e Soutelo traslada as maneiras aprendidas na cultura hollywoodense pero peta coas napias na realidade. Realmente, é un paracaidista que nos ve coa distancia necesaria da que nós somos incapaces. Conserva a súa retranca e precisará de axuda (o ex garda civil Poncio ou a segurata Dalia Maxino), pero mantense fiel aos seus principios, que son os dun tipo honesto pero ao que non lle importa transgredir a lei e a norma se é para foder os cabróns… Soutelo non é de branco sobre negro, é de grises. A tese que manexa a novela é que moitos daqueles lumes foron provocados por intereses máis escuros, e non precisamente pola simpleza de atribuírllelos a xente tola ou por vinganzas de herdanzas e cousas así.
Apoia a tese dos intereses urbanísticos e mesmo das madeireiras como se dixo daquela?
O autor non apoia tese ningunha, o autor limítase a pórlle voz a un personaxe e a facer ficción, pero o xénero policial tamén é por natureza unha radiografía da condición humana. Pegarlles lume a centos de hectáreas con intereses especulativos é máis vello ca o caxato de Noé… Manexo vimes realistas para tecer unha trama, sen esquecer a finalidade última de divertir o lector sen renunciar ás chamadas á reflexión.
A Soutelo gústanlle os cartos.
Non exactamente. Digamos que se son cartos sucios procura sacarlle partido e amosarse xeneroso cos demais. Ten un aquel de Robin Hood, e casualmente válese do personaxe do funerario Sugar Jones para os seus amaños. Soutelo ten moi claro o papel dos cartos, dos bancos e dos especuladores, e non lle doe foderlles beneficios a estes. En Lume de cobiza rematará facendo unha substanciosa operación económica pero van ser outros os maiores beneficiarios.
Sugar Jones quizais sexa a achega máis orixinal de toda a serie.
Orixinal non sei, pero lercho e canalla é abondo. É tamén co que máis me divirto, tanto que mesmo non descarto facer iso que no audiovisual chaman un spin off, tirar del para convertelo en protagonista de tramas propias. É unha idea… Realmente case é un alter ego de Soutelo. A Frank gustaríalle ser tan senvergoña coma Sugar e vivir na outra beira, pero a tanto non pode chegar e por iso remata por recorrer a el. Ambos son máis ou menos da mesma quinta, e ambos viviron moito, pero con orixes e ambientes diferentes.
E desta vez, Sugar importará “arcas fúnebres” en Piñor, que xa lle chega.
Farao con todas as da lei porque Sugar, convidado por Frank, descubrirá que a vila ourensá de Piñor é unha potencia española no sector do ataúde, onde ademais hai unha empresa que exporta aos Estados Unidos. Sugar ve o ceo aberto e mesmo pedirá un modelo de arca ecolóxica con incrustacións de nácara e mesmo lacados de ouro, pensando no cliente negro de alto standing
E as mulleres. Soutelo semella padecer unha certa misoxinia.
Semella, pero non pasa diso. Divorciado, a súa experiencia marital non foi para botar foguetes e viste un certo desencanto, pero está claro que o supera o medo no caso dunha posíbel relación fixa coa súa secretaria Pat Pérez, de avó lucense. É connatural á novela negra o arquetipo da muller fatal e a iso non se pode renunciar no xénero. Aínda con esas é un sentimental que moitas veces debe tirar para adiante por razóns simplemente profesionais, pero tampouco aprecio nel resto ningún de machismo, nin moito menos. Pola contra, pérdese polas mulleres, sabe que o superan en intelixencia, pero faise o duro para que non evidenciar a súa debilidade ante elas.
A industria cultural debería apostar pola tradución da literatura galega
Regresemos a Lume de cobiza. Contada en primeira persoa como toda a serie, Soutelo reflexiona sobre o país. Mesmo se permite falar do libro galego e do mal que andan as cousas…
Frank é un tipo ilustrado, le, vai ao cine, visita museos, aprecia o patrimonio… Non é deses que viaxa coa melancolía na maleta e a pousa na barra do primeiro bar, queimando un cigarro tras outro e pensando na fodenda. Ese clixé parecíame demasiado tópico. Nesta ocasión le o grego Petros Márkaris e o seu comisario Kostas Kharitos, e mesmo chega a usar un exemplar de O accionista maioritario como arma disuasora. Nunha das súas estadía en Vigo entra a mercar na Casa del Libro e comproba con horror como o libro galego ocupa unha mesiña pola metade do tamaño do resto das mesas reservadas á edición castelá, e Soutelo di que máis claro, imposíbel.
Tamén lle vai a gastronomía.
Na mesa, só na mesa e polo de agora aínda non o vin metido entre perolas, sen descartalo para o futuro, pois aprecia o bo xantar e os bos pratos, e con iso ben poderá derivar nun cociñeiro en potencia. En Los Angeles ten a seu amigo cambadés, o Beni, que rexenta un restaurante en Malibú e que fai un excelente Galician Style Octopus. En Muros, está a súa tía avoa Castora, nonaxenaria pero en moi boa forma, que non só tira de refrán deseguido senón que ademais fai uns peixes exquisitos. Mesmo se interesa pola cousa dos viños de altura. Se falamos de alcol, só bourbon e nesta ocasión descubrirá un excelente Macallan escocés, por certo, coidado en barrica de carballo lugués.
Tamén usa vostede o recurso tan cinematográfico da road movie. Nesta ocasión, Soutelo percorre parte de Galicia no seu auto.
Un sabuxo sen coche é coma un bombeiro sen mangueira. Ademais as distancias no país son moi curtas en comparanza coas que vive acotío en Los Angeles, co engadido do ar puro que aquí respira e que tanto valora. Por razóns de traballo, deberá moverse por Muros, Compostela, Vigo, O Carballiño, Sanxenxo, Cambados, Soutelo de Montes, en fin, numerosos lugares que ao tempo lle servirán para tomarlle o pulso á terra dos seus pais e quen sabe se co tempo non rematará por xubilarse en Galiza, ou facendo coma moitos, medio ano por aquí e medio ano por alá.
Frank Soutelo xa é un dos sabuxos máis populares do mundo literario galego, para cando o seu traslado a outras linguas?
É un sabuxo máis, e hai outros de grande altura e ben coñecidos. Pode que o feito de nacer cunha novela premiada axudase a consolidalo no imaxinario galego, e ter un nutrido club de lectores. Si teño claro que haberá Frank Soutelo para moito tempo se o sector editorial galego endereita, a lingua deixa de estar cercada como está e se medra a nosa conciencia como lectores comprometidos co produto propio. Pero tampouco nos deixemos levar polo entusiasmo. Se Lume de cobiza non prende nos lectores e non se move no mercado, a quinta aventura de Frank será máis complicada materializala nun libro. En canto ao seu traslado a outras linguas, carezo de axente literario e iso é tanto como unha renuncia a superar o Padornelo, cando menos até que non haxa políticas eficientes de estímulo á tradución e á edición noutras linguas desde o propio país, un asunto tabú cando claramente debería afrontarse desde a industria cultural editorial, recalcando nas verbas industria e cultural.
Cando veremos a Frank Soutelo en imaxes.
Andamos niso pronto haberá novas, pero adiantalas sen ter pechado o asunto, é tanto como vender fume.