A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa
A retórica que usan os que están no poder, o populismo que empapa tantas das súas actuacións públicas, a pel esvaradía que adoptan cando toca falar de responsabilidades; pero tamén o sistema de poder-medios que leva anos poñendo e impoñendo criterios dun xeito silente ou a actitude non reivindicativa dos partidos chamados a facerlle fronte á dereita. De todo isto trata Barreiro cun estilo directo, propositivo e mordaz, nun ensaio tinguido dese «gris toupa» (tamén sinalado por Xosé Manuel Pereiro que caracteriza a andaina de Feijóo na Xunta de Galicia.
Un libro oportuno, na medida en que cumpridos xa dous anos de goberno de Núñez Feijóo, e 30 anos do noso Estatuto de Autonomía, empeza a ser necesaria unha análise cumprida e seria do panorama político galego actual, e do Goberno de Núñez Feijóo en particular.
Unha obra crítica sustentada no profundo coñecemento da realidade política galega do seu autor, Manuel M. Barreiro. Un ensaio non compracente e si rigoroso, que ampliará os matices, trazos e visións existentes sobre o rumbo do país nos últimos dous anos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário