FAITE AMIGO DA NOSA LIBRARÍA

FAITE "AMIGO" DE AIRA DAS LETRAS.

Vantaxes:

-5% de desconto en libros.
-10% de desconto en xoguetes e música. Se estás de aniversario (ou algún membro da túa familia) o desconto sube ata o 15% e ao 25% no Arume Xogal. Entendemos por familia pais, fillos e avós.
-Reserva de libros de texto (desconto do 5% e agasallo sorpresa).
-Descontos especiais, agasallos, sorteos.....

segunda-feira, setembro 05, 2011

Peche do Blog

Como xa temos operativa a páxina web www.airadasletras.com en formato wordPress xa non ten sentido manter operativo o blog.
A páxina está en revisión e gostaríanos contar coa vosa opinión para mellorala. Entrade nela.

Grazas a todas/os

segunda-feira, junho 20, 2011

Presentación do Libro: A novísima dereita e nós. Xoves 30 ás 20:00 h. na Fundación Vicente Risco

A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa

«O 1-M foi derrotado o desexo de cambio político en Galicia. Unha nosa novísima dereita, liderada por Alberto Núñez Feijóo, ocupou a Xunta de Galicia. Novísima dereita que enfatiza o seu afastamento simbólico coa herdanza fraguista e que se sitúa na vangarda do conservadorismo tardoaznarista». A partir destas primeiras palabras esboza Barreiro o retrato da actual Galicia e dos seus gobernantes, ademais de explorar nas claves dos dous anos de mandato da dereita, desta actual e «novísima» dereita, e de como está a influír esta no devir da configuración social e política do país.
A retórica que usan os que están no poder, o populismo que empapa tantas das súas actuacións públicas, a pel esvaradía que adoptan cando toca falar de responsabilidades; pero tamén o sistema de poder-medios que leva anos poñendo e impoñendo criterios dun xeito silente ou a actitude non reivindicativa dos partidos chamados a facerlle fronte á dereita. De todo isto trata Barreiro cun estilo directo, propositivo e mordaz, nun ensaio tinguido dese «gris toupa» (tamén sinalado por Xosé Manuel Pereiro que caracteriza a andaina de Feijóo na Xunta de Galicia.
Un libro oportuno, na medida en que cumpridos xa dous anos de goberno de Núñez Feijóo, e 30 anos do noso Estatuto de Autonomía, empeza a ser necesaria unha análise cumprida e seria do panorama político galego actual, e do Goberno de Núñez Feijóo en particular.
Unha obra crítica sustentada no profundo coñecemento da realidade política galega do seu autor, Manuel M. Barreiro. Un ensaio non compracente e si rigoroso, que ampliará os matices, trazos e visións existentes sobre o rumbo do país nos últimos dous anos.

 

domingo, junho 05, 2011

Presentación da novela "Lume de cobiza" de Miguel Anxo Fernández

O venres 17 ás 21:00 presentaremos unha nova aventura do sabuxo Frank Soutelo


Miguel Anxo Fernández: ‘Queimar montes para especular vén de vello’
X. Enrique Acuña Vén de asomar nas librarías a cuarta entrega literaria do sabuxo Frank Soutelo, creado polo escritor e crítico cinematográfico, Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955). En Lume de cobiza (Galaxia) sácao da cidade norteamericana de Los Angeles, o seu medio natural, para traelo por primeira vez a Galicia, berce dos seus vellos (pai de Soutelo de Montes e nai de Muros) e sen deixar de lado a retranca e mesmo a cinefilia, o autor opta por un rexistro máis realista sempre en consonancia coas esencias da novela policial, un xénero que tenta reflectir tanto o pulso como as arestas da sociedade sen que o autor renuncie ao divertimento.
Que fai un sabuxo como Frank Soutelo por Galiza?
En principio, está de lecer na casa dos seus parentes muradáns e coincide coa vaga de lumes que arrasou o país en 2006. Nese contexto faise cargo de pescudar se a morte dun mozo foi por sobredose como lles fan saber, ou como sospeita a familia, foi doutra maneira. A coartada serviralle pera mergullarse nunha trama na que ladrillo, especulación urbanística e lume van da man. A partir diso o propio Soutelo descubrirá a súa alma agochada de ecoloxista, mesmo fincada nas súas raíces paternas soutelás.
Por esa razón doa un euro dos dereitos de autor da novela á Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas, de Ribadavia…
Na ficción, a experiencia Ridimoas vai endereitar o pesimismo ecolóxico que invade a Soutelo mirando como arde o país dun lado a outro. Amósase decepcionado ante a voracidade destrutora, pero admira que xente como Ridimoas, ou mesmo o grupo Outeiro do Carballiño, que tamén están na trama, estean no bando contrario dos prendelumes. Por esa razón, pareceume un xesto coherente que un euro dos dereitos de autor de cada exemplar vaia para que ese colectivo poida mercar máis terra e engadila ao seu proxecto recuperador do bosque autóctono.
Nesta novela, o personaxe é máis Soutelo ca Frank…
Xa non estamos nunha sociedade falseada polo glamour ni polas imposturas sobre as que asenta Hollywood; agora Soutelo móvese nunha sociedade máis asentada no real, na que convive cos seus parentes de Muros e departe coas súas amizades, algo que antes non ocorría e nas que era máis lobo solitario, un sabuxo individualista ao estilo dos clásicos de Dashell Hammett, Raymond Chandler ou as películas da Warner. Un mundo edificado sobre soños, case sempre tramposos ou escachados en mil anacos… Agora é Galiza e Soutelo traslada as maneiras aprendidas na cultura hollywoodense pero peta coas napias na realidade. Realmente, é un paracaidista que nos ve coa distancia necesaria da que nós somos incapaces. Conserva a súa retranca e precisará de axuda (o ex garda civil Poncio ou a segurata Dalia Maxino), pero mantense fiel aos seus principios, que son os dun tipo honesto pero ao que non lle importa transgredir a lei e a norma se é para foder os cabróns… Soutelo non é de branco sobre negro, é de grises. A tese que manexa a novela é que moitos daqueles lumes foron provocados por intereses máis escuros, e non precisamente pola simpleza de atribuírllelos a xente tola ou por vinganzas de herdanzas e cousas así.
Apoia a tese dos intereses urbanísticos e mesmo das madeireiras como se dixo daquela?
O autor non apoia tese ningunha, o autor limítase a pórlle voz a un personaxe e a facer ficción, pero o xénero policial tamén é por natureza unha radiografía da condición humana. Pegarlles lume a centos de hectáreas con intereses especulativos é máis vello ca o caxato de Noé… Manexo vimes realistas para tecer unha trama, sen esquecer a finalidade última de divertir o lector sen renunciar ás chamadas á reflexión.
A Soutelo gústanlle os cartos.
Non exactamente. Digamos que se son cartos sucios procura sacarlle partido e amosarse xeneroso cos demais. Ten un aquel de Robin Hood, e casualmente válese do personaxe do funerario Sugar Jones para os seus amaños. Soutelo ten moi claro o papel dos cartos, dos bancos e dos especuladores, e non lle doe foderlles beneficios a estes. En Lume de cobiza rematará facendo unha substanciosa operación económica pero van ser outros os maiores beneficiarios.
Sugar Jones quizais sexa a achega máis orixinal de toda a serie.
Orixinal non sei, pero lercho e canalla é abondo. É tamén co que máis me divirto, tanto que mesmo non descarto facer iso que no audiovisual chaman un spin off, tirar del para convertelo en protagonista de tramas propias. É unha idea… Realmente case é un alter ego de Soutelo. A Frank gustaríalle ser tan senvergoña coma Sugar e vivir na outra beira, pero a tanto non pode chegar e por iso remata por recorrer a el. Ambos son máis ou menos da mesma quinta, e ambos viviron moito, pero con orixes e ambientes diferentes.
E desta vez, Sugar importará “arcas fúnebres” en Piñor, que xa lle chega.
Farao con todas as da lei porque Sugar, convidado por Frank, descubrirá que a vila ourensá de Piñor é unha potencia española no sector do ataúde, onde ademais hai unha empresa que exporta aos Estados Unidos. Sugar ve o ceo aberto e mesmo pedirá un modelo de arca ecolóxica con incrustacións de nácara e mesmo lacados de ouro, pensando no cliente negro de alto standing
E as mulleres. Soutelo semella padecer unha certa misoxinia.
Semella, pero non pasa diso. Divorciado, a súa experiencia marital non foi para botar foguetes e viste un certo desencanto, pero está claro que o supera o medo no caso dunha posíbel relación fixa coa súa secretaria Pat Pérez, de avó lucense. É connatural á novela negra o arquetipo da muller fatal e a iso non se pode renunciar no xénero. Aínda con esas é un sentimental que moitas veces debe tirar para adiante por razóns simplemente profesionais, pero tampouco aprecio nel resto ningún de machismo, nin moito menos. Pola contra, pérdese polas mulleres, sabe que o superan en intelixencia, pero faise o duro para que non evidenciar a súa debilidade ante elas.
A industria cultural debería apostar pola tradución da literatura galega
Regresemos a Lume de cobiza. Contada en primeira persoa como toda a serie, Soutelo reflexiona sobre o país. Mesmo se permite falar do libro galego e do mal que andan as cousas…
Frank é un tipo ilustrado, le, vai ao cine, visita museos, aprecia o patrimonio… Non é deses que viaxa coa melancolía na maleta e a pousa na barra do primeiro bar, queimando un cigarro tras outro e pensando na fodenda. Ese clixé parecíame demasiado tópico. Nesta ocasión le o grego Petros Márkaris e o seu comisario Kostas Kharitos, e mesmo chega a usar un exemplar de O accionista maioritario como arma disuasora. Nunha das súas estadía en Vigo entra a mercar na Casa del Libro e comproba con horror como o libro galego ocupa unha mesiña pola metade do tamaño do resto das mesas reservadas á edición castelá, e Soutelo di que máis claro, imposíbel.
Tamén lle vai a gastronomía.
Na mesa, só na mesa e polo de agora aínda non o vin metido entre perolas, sen descartalo para o futuro, pois aprecia o bo xantar e os bos pratos, e con iso ben poderá derivar nun cociñeiro en potencia. En Los Angeles ten a seu amigo cambadés, o Beni, que rexenta un restaurante en Malibú e que fai un excelente Galician Style Octopus. En Muros, está a súa tía avoa Castora, nonaxenaria pero en moi boa forma, que non só tira de refrán deseguido senón que ademais fai uns peixes exquisitos. Mesmo se interesa pola cousa dos viños de altura. Se falamos de alcol, só bourbon e nesta ocasión descubrirá un excelente Macallan escocés, por certo, coidado en barrica de carballo lugués.
Tamén usa vostede o recurso tan cinematográfico da road movie. Nesta ocasión, Soutelo percorre parte de Galicia no seu auto.
Un sabuxo sen coche é coma un bombeiro sen mangueira. Ademais as distancias no país son moi curtas en comparanza coas que vive acotío en Los Angeles, co engadido do ar puro que aquí respira e que tanto valora. Por razóns de traballo, deberá moverse por Muros, Compostela, Vigo, O Carballiño, Sanxenxo, Cambados, Soutelo de Montes, en fin, numerosos lugares que ao tempo lle servirán para tomarlle o pulso á terra dos seus pais e quen sabe se co tempo non rematará por xubilarse en Galiza, ou facendo coma moitos, medio ano por aquí e medio ano por alá.
Frank Soutelo xa é un dos sabuxos máis populares do mundo literario galego, para cando o seu traslado a outras linguas?
É un sabuxo máis, e hai outros de grande altura e ben coñecidos. Pode que o feito de nacer cunha novela premiada axudase a consolidalo no imaxinario galego, e ter un nutrido club de lectores. Si teño claro que haberá Frank Soutelo para moito tempo se o sector editorial galego endereita, a lingua deixa de estar cercada como está e se medra a nosa conciencia como lectores comprometidos co produto propio. Pero tampouco nos deixemos levar polo entusiasmo. Se Lume de cobiza non prende nos lectores e non se move no mercado, a quinta aventura de Frank será máis complicada materializala nun libro. En canto ao seu traslado a outras linguas, carezo de axente literario e iso é tanto como unha renuncia a superar o Padornelo, cando menos até que non haxa políticas eficientes de estímulo á tradución e á edición noutras linguas desde o propio país, un asunto tabú cando claramente debería afrontarse desde a industria cultural editorial, recalcando nas verbas industria e cultural.
Cando veremos a Frank Soutelo en imaxes.
Andamos niso pronto haberá novas, pero adiantalas sen ter pechado o asunto, é tanto como vender fume.

domingo, maio 29, 2011

Presentación do libro: A revolución dos Camaleóns

O próximo sábado presentaremos o libro do noso amigo cubano Eddy a eso das 21:00 horas.
Neste traballo reflexiona sobre a caída do socialismo nos países do Leste dende a perspectiva dunha persoa que o viviu dende dentro como diplomático cubano en Bulgaria.

domingo, maio 22, 2011

Concerto do Grupo DejeMede

O venres a eso das 20:30 faremos un concerto para os amigos/as da libraría.
 
O trío DejeMeDe nace en Ourense neste mesmo ano 2011 case como producto dunha combustión espontánea, pero non por iso carente de enerxía e creatividade a raudales, característica principal do grupo, sendo capaces de sumerxirnos nunha catarse intimista e reflexiva para no seguinte pao bulir fervendo, e como vulgarmente se diría, “por peteneras” marcándose unhos tanguillos dignos do mesmísimo Tomatito...

Os responsables de tal cumio de forzas son tres alquimistas chamados:

  • David Cid...Baixista ourensán cunha longa traxectoria no eido da música, actualmente comparte espacio sonoro co segundo de a bordo nun dúo chamado Naked Fingers.

  • Diego Mosquera... electroduende das seis cordas. A guitarra nas súas mans perde a condición de instrumento independente para converterse nunha prolongación física desta mente perversa... musicalmente falando.

  • Kinhos Saburido...Volcán en erupción, todos os sismos rítmicos son producto desta pequena caixa de pandora, bulide a protexervos agora que inda estades a tempo...


terça-feira, maio 17, 2011

Presentació do Libro: O segredo de Marco Polo

O venres día 20, ás 20:15 horas, presentaremos o libro de Francisco Castro: O segredo de Marco Polo
Amor, intriga e aventuras na Venecia do século XIII
Nesta nova novela, publicada na colección Costa Oeste de Galaxia, o autor viaxa á Venecia do século XIII para construír unha historia de amor entre un xove soldado, fillo do militar máis importante da cidade (un home dominante que ten anulada a capacidade de decisión do seu fillo), e unha principessa, Naia, fermosa e adorada por toda a cidade, sobriña do Dogo e obrigada por este a un matrimonio de estado cun home que non quere e nin sequera coñece. A historia de amor entre o soldado e a princesa, xa que logo é un amor imposible. Ata que entra en xogo un Marco Polo que, xa contra o final da súa vida, vai vivir, axudando aos dous amantes, a súa derradeira aventura.

Polo medio, un enigma, un segredo como suxire o título, que non se desvelará ata o final desta novela na que o autor recrea xa non só a Venecia do seu esplendor, senón que nos fai viaxar, da man do Marco Polo, ás terras da China e Mongolia que o xenial viaxeiro visitou por vez primeira na súa xuventude.

Blog do autor: franciscocastro.blogaliza.org

sábado, maio 14, 2011

Actividades Letras Galegas

Luns 16
Actuación no Roi Xordo do grupo Fantoches Baj na honra de Lois Pereiro. As entradas para esa actividade darán dereito a participar nun sorteo de libros en galego (o día seguinte no Roi Xordo) e a un 10% de desconto nos libros en Galego o día 17 na nosa libraría.
O custe das entradas é de 4 euros pero se mercades libros en galego, por importe superior a 20 euros, teredes un desconto do 50% (2 euros).
Martes 17
Ás 12 haberá unha concentración da plataforma Queremos Galego na praza do concello.
A partir da 17:00 no Roi Xordo competición de Arume Xogal e sorteo de libros entre os asistentes a actividade do día 16.

POESÍA ÚLTIMA DE LP
Poesía Última de LP é un espectáculo de teatro de obxectos con música en directo baseado en textos do poeta Lois Pereiro. A partir dos seus poemas, e mediante o recurso explorado polo propio Lois de converterse en narrador de si mesmo, relátanse en primeira e terceira persoa os dous últimos anos da súa vida.
A posta en escena é simple e innovadora. As letras que conforman o título do espectáculo van construíndo palabras que nomean os espazos, obxectos e sentimentos que acompañaron a Lois e as súas relacións e amizades, personaxes que se materializan baixo a forma das iniciais dos seus nomes.
A sonoplastia, creada por Benxa Otero e tocada en directo por el mesmo con sintetizador e lupeadora, axuda a crear os ambientes necesarios e a ilustrar algúns dos espazos que recorreu Lois (o hospital, a praia de Barrañán, o bar Parrús no Orzán, a súa casa…). Esta banda sonora mestura composicións propias con fragmentos de pezas queridas e escoitadas por Lois de Pata Negra, Zeca Afonso, Satie, Mahler, Bach, etc...

terça-feira, maio 03, 2011

Fiz a revista de banda deseñada para nenos/as de 7 anos ata os 107


Capa de Fiz número 1

RETRANCA EDICIóNS LANZA UNHA REVISTA DE BANDA DESEñADA INFANTIL CON EDICIóNS EN GALEGO E EN CASTELáN

Chega Fiz


29 / 3 / 2011
Santiago. Redacción

AUDIO

Kiko da Silva fala sobre o lanzamento da revista Fiz
Cinco mil exemplares en galego e dez mil en castelán distribuídos cada dous meses en quioscos e dirixidos para os máis novos. Esta é a aposta que fai Retranca Edicións con Fiz a nova revista de banda deseñada que presentará no vindeiro Saló del Còmic de Barcelona. Na súas 36 páxinas podemos atopar traballos de Kiko da Silva (director da iniciativa) que recupera o personaxe que lle dá título ao proxecto, canda a outros autores galegos como José Domingo e Fernando Iglesias ou Víctor Rivas así como colaboradores foráneos da talla de Albert Monteys, Mel, Edgardo Carosía e Diego Arandojo, Jali, Alex Fuente e Busquets, Jorge García e Sagar e mais textos de Manuel Lourenzo. O proxecto, que entra en imprenta a finais desta semana, chegará aos quioscos a mediados do vindeiro mes de abril.

sexta-feira, abril 08, 2011

Contacontos: "Un invento para chegar até o ceo" pola compañía do Trinke

A compañía do trinke trinke crea obras de teatro para a animación á lectura.
Nesta obra, un invento para chegar até o ceo,  cóntanse dous contos que teñen certa relación co que lle pasa e motiva (a un dos ratos de biblioteca) para ir de viaxe polo espazo exterior: 'O pe de fabas' e unha fabula 'O oso e o corvo', na que se pide dous/duas voluntarios ou voluntarias para axudar. Acaba cun tema musical do cd 'Pelo gato 24' titulado '25 mentiras'

quarta-feira, março 30, 2011

Xornadas de igualdade

No seguinte enlace podes ver a lectura de poemas que se fixo na libraría dentro das actividades das Xornadas de Igualdade.
http://ointerior.posterous.com/allariz-xornadas-pola-igualdade-2011

domingo, março 06, 2011

Presentación do libro: En Defensa do Poleiro

O vindeiro venres día 11, ás 20:15, faremos a presentación do libro creado por escritores de Celanova a favor de que o mosteiro manteña o uso público.

Máis de sesenta escritores poñen a súa creatividade ao servizo da solidariedade no volume colectivo En defensa do poleiro, nome que recibe o claustro do mosteiro de Celanova onde está localizado o actual instituto da vila, que se quere converter nun parador de turismo. A Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), presentará mañá ás 20:00 horas o volume, que edita Toxosoutos, na Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña. No acto estará presente o seu coordinador, Xoán Carlos Domínguez Alberte, xunto cos autores do contorno coruñés que participan na iniciativa: Olga Patiño, Diana Varela, Xulio López Varcárcel, Lino Braxe, Paco Souto e Francisco X. Fernández Naval. Ademais, tamén se exporán e poranse á venda as ilustracións da pintora Mané Boán que inclúe o libro mais proxectarase o documental O IESplicable, elaborado pola Plataforma, sobre a importancia do instituto de Celanova.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez e a secretaria da Asociación, Mercedes Queixas asinan o prólogo do libro, que se xestou en só catro meses. Xoán Carlos Domínguez Alberte salienta que esta obra nace como "unha necesidade de facer fronte a un acto de barbarie por parte dos poderes públicos que pretenden expropiar un ben do patrimonio galego, a parte dedicada ó instituto, con fins especulativos". De feito, a semana pasada a Plataforma protestou diante do Parlamento e pouco despois, o parlamentario nacionalista Alfredo Suárez Canal pedía explicacións na Cámara galega sobre a intención de trasladar o instituto a un novo centro de ensino cuxas obras aínda non comezaron.
"As razóns que lle deron dende Educación é que o instituto ten goteiras ou barreiras arquitectónicas. Iso é falso. O instituto é un dos mellor acondicionados de Galicia, en canto a instalacións, equipamentos ou novas tecnoloxías. E queremos que siga estando nun recinto, o do mosteiro, coñecido como poleiro, que estivo secularmente dedicado á cultura galega", explica.
Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Xurxo Borrazás, Lino Braxe, Francisco Castro, Xavier Cordal, Antón Cortizas, Lois Diéguez, Alfonso Eiré, Bieito Iglesias, Alberto Lema, Mario Regueira, Olga Novo ou Chus Pato achegan relatos e poemas "orixinais e inéditos" que fan relación a este conflito que mantén enfrontados os veciños co concello, que preside o popular Antonio Mouriño.
"Para a construción dun novo centro de ensino dedicáronse partidas ridículas. Están a vender unha cortina de fume. O propio concello foi apropiarse duns terrenos que non lles pertencen", apunta Domínguez Alberte.
Ademais, durante o acto proxectarase o documental O IESplicable, un documental de vinte minutos no que os seus profesores contan a razón de ser do instituto e a importancia que ten para Celanova a localización do centro neste mosteiro. "Animamos á xente a coñecer o intituto, xa que ten unha biblioteca impresionante, que alberga máis de 17.000 volumes. Dende o equipo educativo queríase que estivese aberto á cidadanía, pero non se permitiu. Iso, co agravamento de que a biblioteca pública está pechada", comenta Domínguez Alberte.

A HISTORIA

Un inmoble dedicado ao ensino
O Mosteiro de San Salvador de Celanova, fundado en 936, suma na actualidade máis de século e medio de uso público. Tras a de-samortización de Mendizábal, pasou a mans do concello. No século XIX albergou dúas escolas de primaria. Os Padres Escolapios fundaron tamén alí un colexio que chegou a ter 200 alumnos. En 1975, o concello cedeu parte do mosteiro ao Ministerio de Educación para crear o Instituto de Celanova. Aínda que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, anunciou a creación dun novo instituto, a súa construción aínda non comezou. O claustro de profesores e os veciños opóñense ao traslado do centro e a que no mosteiro se constrúa un Parador Nacional de Turismo, como está en proxecto.

quinta-feira, fevereiro 17, 2011

Presentación do libro de Carlos Callón: "En castellano no hay problema"

O venres 4 de Marzo Carlos Callón -presidente da Mesa pola Normalización Lingüística- e recente gañador do premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, presentará na Fundación Vicente Risco o seu libro En castellano no hay problema. Contaremos coa participación de Francisco García.
Facemos este acto na Fundación xa que é un espacio máis adecuado polo seu tamaño e como actividade piloto dentro do convenio de colaboración que temos con  eles do que xa vos iremos informando.

 

sexta-feira, fevereiro 11, 2011

Presentación da editorial Demo (Banda Deseñada) e das súas publicacións

O vindeiro xoves día 17, ás 20:00 horas, os creadores da editorial Demo falarán na nosa libraría das súas creacións e dos novos títulos para o 2011.

Faremos un sorteo dos seus cómics entre tódolos asistentes

O venres farán o mesmo no instituto de Allariz e, en breve, tentaremos que expoñan na Fundación Vicente Risco as láminas da súa obra sobre a revolta irmandiña.

http://demoeditorial.blogspot.com/
http://www.manelcraneo.com/
http://www.agpi.es/ilustrador.php?id=42

A súa liña editorial é traballar na promoción e edición de autores galegos, en lingua galega e unha das súas liñas de edición e cómic de acción e aventuras, ambientado en diferentes épocas históricas en Galicia.

Como exemplo os Lobos de Moeche, ambientado na segunda revolta irmandiña.

O cómic Sen mirar atrás foi premio Castelao de B.D. no 2009.



TÍTULOS PUBLICADOS

sábado, janeiro 22, 2011

Presentación do libro "Abelcebú" de Carlos Negro

O venres 11 de febreiro (ás 20:00 horas) Carlos Negro presentará na nosa libraría o seu último libro: "Abelcebú".



‘ABELCEBÚ’ O poeta Carlos Negro, durante a lectura realizada na presentación do libro
‘ABELCEBÚ’ O poeta Carlos Negro, durante a lectura realizada na presentación do libro













Cando o escarnio, o san escepticismo, a poesía, a imaxinación, o humor e a perspicacia concorren nun texto literario é o demo quen enlea as palabras. O mesmo Abelcebú foi quen lle debeu ditar na orella ao poeta Carlos Negro o estenso glosario enciclopédico que Positivas publica agora como "unha lupa grotesca que nos desvela as vergoñas do mundo, e lle dá a volta ás nosas crenzas e prexuízos como a calcetíns que se botan ao cesto da roupa sucia".
Do a ao z, Carlos Negro aplica unha ollada irónica e aguda para resituar un mundo de palabras e dotalo de novos significados. A presentación oficial do libro -se oficial é un termo que lle acae a este volume estremeiro e atravesado- tivo lugar o sábado pasado, nos arredores de Monte Pío. Alí, preto da residencia do presidente da Xunta, na Granxa do Xesto, o autor e os seus convidados invocaron as oracións de antigos sacerdotes da sátira, como Ambrose Bierce ou Francisco de Quevedo.
Tal aquelarre literario, no que participaron, entre outros, o editor Paco Macías e o titiriteiro Iñaki de Lalín, serviu para dar a coñecer unha das achegas literarias máis singulares da temporada, a dun poeta que acerta a definir o poeta como "individuo que negocia co tacto das palabras e coas musas do seu ego"; unha brillante mostra de sabedoría e necesaria capacidade para o riso